Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta convoca as axudas para que as entidades de economía social adheridas á Rede Eusumo promovan e oferten formación sobre esta fórmula de negocio


― Poden optar ás achegas, de ata un máximo de 190.000 euros, asociacións, entidades locais, cámaras de comercio, universidades ou organizacións sindicais, empresariais ou profesionais adheridas á rede autonómica Eusumo de fomento da economía social

― A previsión é que se poidan beneficiar das axudas unhas 40 entidades que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas

― O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá ata o próximo 4 de setembro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova edición da convocatoria de axudas dirixidas ás 97 entidades de economía social que forman parte da Rede Eusumo co obxectivo de que desenvolvan, no período 2023-2024, accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula. A previsión é que se poidan beneficiar das achegas unhas 40 entidades que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas.
Esta liña, que terá o prazo de solicitude aberto ata o próximo 4 de setembro, eleva o seu orzamento ata os 690.000 euros para apoiar os colectivos que colaboran coa Rede Eusumo e contribuír ao impulso do cooperativismo e as fórmulas da economía social na comunidade galega.
As achegas, dun máximo de 190.000 euros, beneficiarán asociacións, concellos ou agrupación deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais inseridas na Rede.
Neste marco, financiaranse accións de divulgación da economía social, a elaboración de estudos ou guías con contido inédito, iniciativas de asesoramento e acompañamento a promotores e de formación.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reservará 390.000 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como o dos coidados, o agroalimentario, a economía circular, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, ou do sector industrial e das industrias culturais.
A Rede Eusumo conta con 97 entidades adheridas. A través do asesoramento prestado por esta rede, posta en marcha en 2012, creáronse xa en Galicia 190 entidades de economía social, que xeraron máis de 540 empregos directos.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230802/AnuncioG0656-210723-0001_gl.html